Sunday 19 de May de 2024

Camariñas aproba un recoñecemento de créditos de 250.000 euros para pagar facturas a provedores


Tamén saiu adiante a aprobación provisional da Modificación Puntual do Plan Xeral, tras adaptar o documento ás modificacións requeridas por Costas na súa redacción.

O Concello de Camariñas aprobou hoxe, nunha sesión plenaria que se levou a cabo de novo de xeito telemático, un recoñecemento extraxudicial de créditos para poder facer fronte a facturas pendentes a proveedores valoradas en total en 249.964,26 euros.
O goberno local explicou que “na súa maior parte estas facturas corresponden a actuacións urxentes como os amaños na pista de Reira debido aos danos causados polos temporais, ou tamén actuacións competencia da Xunta que tivemos que asumir nós como a retirada de niños de velutinas que supoñían un perigo para veciñanza ou os servizos de lacería que se nos atribuíron sen ningún tipo de financiación”.

Modificación Puntual do PXOM
Ademais, levouse hoxe á sesión plenaria ordinaria a aprobación da Modificación Puntual nº1 do Plan Xeral, que agora se terá que remitir de novo a Costas para proceder á aprobación definitiva.
A modificación ten o obxectivo de modificar algúns elementos do PXOM referentes ás alturas dos peches en solo rústico e volve a pleno tras ser remitida no 2019 toda a documentación aos organismos competentes para que emitisen os informes correspondentes.
A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) informou favorablemente e Costas solicitou que se incluísen na modificación unha serie de correccións de redacción para deixar por escrito “que os solos afectados polas determinacións das Lei de Costas seguirán tendo as limitacións nela establecidas con respecto ao uso e dominio”.

O documento que se levou hoxe a pleno, que inclúe os requirimentos indicados por Costas, terá que ser remitido de novo ao organismo estatal para que emite o informe preceptivo e proceder despois á fase de
aprobación definitiva, previa á entrada en vigor.
Plan Muncipal de Prevención de Incendios Forestais
Ademais, na sesión plenaria tamén se aprobou o Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais, un dos requisitos establecidos pola Xunta de Galicia para poder facer efectivo o convenio ao que se adheriu o Concello de Camariñas subscrito entre a propia administración autonómica,
a FEGAMP e a empresa SEAGA en materia de prevención e defensa contra incendios forestais.
Este convenio implicará o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias polo que será a Xunta de Galicia a que se encargue destes traballos de prevención.
Corrección de proxectos de obra en Arou
Por outra banda, o pleno da corporación ratificou a aprobación de dous proxectos de obra para Arou xa que a Deputación da Coruña solicitou a súa adaptación para poder ser incluídos no Plan Único provincial. Estas actuacións corresponden á mellora da rúa Rozas e da rúa Rucheira, que poderán ser xa incluídos en posteriores plans.